Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Frades e a Xunta investirán 28.000 euros en acondicionar o primeiro andar do multiúsos como Museo de Apeiros de Labranza


A actuación completará a posta en valor destas instalacións, iniciada en 2019 coa habilitación da planta baixa para acoller a biblioteca municipal, a aula de informática e unha sala multifunción

O Concello de Frades está a investir 28.000 euros no acondicionamento do primeiro andar do edificio multiúsos, que albergará o Museo de Apeiros de Labranza. “Queremos mellorar a parte de arriba do multiúsos para poñer a funcionar o museo así como facer traballos de mantemento e posta a punto de algún dos apeiros que o integran”, explica o alcalde, Roberto Rey Martínez.
O Concello de Frades achega a este proxecto 10.000 euros de fondos propios, mentres que os restantes 18.000 euros serán financiados grazas a unha nova achega da Xunta de Galicia, que se suman aos 40.000 euros achegados en 2019 para o acondicionamento da planta inferior, que estivo enmarcado nun proxecto senlleiro xestionado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). En total, o Concello de Frades terá investidos máis de 27.000 euros no acondicionamento do multiúsos.
Nestes días comezaron os traballos na planta superior do multiúsos, que conta cunha superficie de 215 metros cadrados e que acolle desde o verán de 2019 todos os elementos que compoñían o Museo de Apeiros de Labranza. Esta planta estaba en desuso e empregouse para almacenar todos os elementos do museo, que deixou o seu espazo na planta baixa para acoller a biblioteca municipal, a aula de informática e unha sala multiúsos.

Agora, o Concello de Frades iniciou os traballos para converter a planta superior do multiúsos nunha sala etnográfica que serva de homenaxe ás mulleres e homes do campo galego. Así, as persoas que visiten este museo poderán contemplar moitos dos útiles e ferramentas do campo e do fogar que foron e seguen sendo os compañeiros cotiás do traballo e da vida familiar no rural. Así mesmo, conta con paneis explicativos sobre como eran as actividades agrícolas e gandeiras no municipio.